Moi poucas entidades ou persoas están a pasar estes tempos do mesmo xeito que anos anteriores. O virus Covid, que está a facer estragos en todo o mundo soamente comparables a os producidos polas grandes guerras, obríganos a mudar os nosos costumes para os demais, polo que neste verán as navegacións foron distintas.
As precaucións fixeron imposible as colaboracións que faciamos tódolos verans, saindo a navegar con usuarios ou alumnos de COGAMI e ARELA; como tampouco foi posible colaborar coa Asociación de Pesca Deportiva Rías Baixas e a Agrupación Náutica San Gregorio, na organización do concurso de pesca infantil destes últimos anos, enchendo o pantalán de nen@s.
Pódese dicir que neste verán navegamos cando e como foi posible, coas medidas de seguridade axeitadas para, deste xeito, fornecer aos nosos barcos a ración de auga de mar que compre darlles para estaren “vivos”.
Agardamos que este pesadelo que estamos a vivir tod@s remate o máis axiña posible e así voltar a normalidade.
Saude a tod@s.
Por primeira vez, rapaces da ETRAD sairon a navegar unha tardiña connosco. Quedaron moi contentos de navegaren nas embarcacións tradicionais e coa pracenteira sensación da navegación a vela. Por unhas horas, convivimos xentes que tentamos conservar distintas caras da cultura do noso país; eles coa nosa música e nos cos nosos barcos.
Como está acontecendo cada verán, rapaces de ARELA sairon a navegar connosco. Tivemos unhas tardes moi boas para navegar, así que os rapaces gozaron navegando na nosa ría, chegando a coller a escota e levar o leme dos barcos. Fermosa experiencia.
Coma outros anos, algúns compañeiros fixeron unha travesía dende Vigo ata o río Verdugo. Tres dos nosos barcos, Taiña, Chanquete e Trebello, pasaron baixo as pontes de Arcade e Pontesampaio e navegaron río arriba. Axudados pola marea, chegaron ata praia fluvial de Comboa, en Soutomaior. Unha lixeira e fermosa viaxe, axudado por un forte vento do sur e por unha pousada e gozosa subida por este verde e vizoso río.