Asociación Cultural Remadoira

Quen somos

A historia do que ia ser nun futuro a Asociacion Cultural Remadoira escomenzou na praia de San Gregorio en Coia (Vigo). Nesta praia, a uns tres metros do fondo e soterrada na lama, atopábase unha dorna de tope de 7,50 metros de eslora e 2,30 metros de manga. Esta era un tipo de dorna do que a primeiros do século XX se fixeron unhas sete unidades, sendo orixinarias de Cambados, na Ria de Arousa (Pontevedra). Foi a derradeira mellora na construción da dorna e a primeira en desaparecer, por mor de que nese tempo xa se escomenzaban a motorizar os barcos, e este tipo de embarcación non permitían a sua motorización dun xeito doado.

Alguén nos dixo de por qúe non tentabamos recuperala xa que era unha mágoa de que se perderan este tipo de embarcacións. Así, dándolle voltas e voltas a esta suxerencia escomenzou un proxecto longo e laborioso. Non foi nada doado, xa que a dorna estaba en moi mal estado pero aínda mantiña a fasquía orixinaria do barco e despois de dous anos de duro e esgotador traballo, e non menos compañeirismo conseguiuse rematala dorna.

Foi este o principio dun novo proxecto de construción, dun grupiño de amigos que levarianos a decatar que estabamos preparados para o que sería o noso seguinte obxectivo. A finais do ano 2003 escomenza un camiño, que dará como resultado a creación dunha asociación para recuperar o patrimonio marítimo e cultural galego, cuns fins moi claros e gañas de traballar. No albor do ano 2004 prodúcese o nacemento como tal de REMADOIRA, dende entón, e agardamos que durante moitos anos, os socios desta pequena asociación están a traballar incansablemente polo crecemento da familia mariñeira nestas terras.

Coma obxetivos a nosa asociación márcase os seguintes fins:

a) A promoción e difusión do património historico-cultural marítimo de Galicia, no ámbito expresado en calquera das súas vertentes, facendo fincapé na vela tradicional.

b) A recuperación, rehabilitación e salvagarda das embarcacións tradicionais proprias de cada área do ambito galego en xeral.

c) A colaboración con outras asociacións que teñan obxetivos e filosofías semellantes, sen perxuicio de colaboracións concretas e específicas con entidades pertencentes o sector marítimo-pesqueiro.

Hoxe a nosa asociación conta cunha flota de 17 barcos. Son embarcacións tradicionais ou clásicas que se usaban en faenas de pesca, lecer ou regata. Todas son de madeira e propulsadas a vela, aínda que algunhas contan cun motor foraborda que se usa coma un motor auxiliar.

Dispoñemos de oito dornas (unha de tope, unha nai e seis de calimes), tres botes, unha gamela coruxeira, unha chalana, un carocho, unha gamela de Cabo de Cruz, un bote de Ribadeo e un cruceiro da clase dragón. Asemade, estamos a recuperar unha dorna nai, un bote de popa aberta da nosa Ria do ano 1936, un racú e temos pendente de recuperar unha dorna carreirana.